Pablo Carpintero Arias naceu en Castro de Carballedo (Lugo) en 1969. É doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela, foi profesor de Bioquímica nesta universidade durante catro anos; posúe o Diploma de Estudos Avanzados en Historia da Música e actualmente realiza estudos de doutorado, sobre a gaita de fol, no Departamento de Historia da Arte da USC.
Entre 2006 e 2010 traballou no proxecto Ronsel da Universidade de Vigo para a recuperación do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia. En 2010 foi consultor da UNESCO para temas relacionados co Patrimonio Cultural Inmaterial, e en 2011 formou parte do comité de 12 expertos de todo o mundo que a UNESCO designou para escoller as obras mestras do Patrimonio Cultural Inmaterial da humanidade. En 2012 formou parte do comité do estado Español para a avaliación das manifestacións do Patrimonio Cultural Inmaterial da humnidade que se inscriben na Lista Representativa de PCI da UNESCO.
Pablo Carpintero é coautor das publicacións Catálogo de Músicos da Limia e Os Sons da Limia e ten editados varios capítulos de libros dedicados ao Patrimonio Cultural Inmaterial (Patrimonio Etnográfico Galego II e Cultura Tradicional e desenvolvemento Rural), así como numerosos artigos en revistas especilizadas ou libros de actas (Revista de Musicoloxía Galega, Revista de Pedagoxía Galega, Revista de Pedagogia Portuguesa, Revista de Folklore, etc.).
A súa publicación máis destacada, “Os instrumentos musicais na tradición Galega” recibíu o premio Antón Losada Diéguez 2009 na modalidade de investigación e ensaio. Nesta obra, avalada pola UNESCO e editada pola Xunta de Galicia, dáse conta da historia, nomenclatura, xeitos de construción, uso, filiación sexual, etc. de máis de 150 instrumentos musicais e útiles sonoros empregados en Galicia ata o século XX, constituíndo a obra de referencia neste eido.
O seu traballo de investigación “ A requinta na cultura do Val do Río Ulla” recibiu en 2011 o premio “Marques de Lozoya” do Ministerio de Educación e Ciencia.
Ten editados once traballos discográficos resultado do seu traballo en diferentes grupos musicais (Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia, A Requinta de Xián, Grupo de cámara da Universidade de Santiago de Compostela, Pablo Carpintero, etc.) así como das investigacións de campo que nos últimos 30 anos ven realizando por toda Galicia, Zamora, Asturias e Portugal, nomeadamente os correspondentes á serie Os Nosos Gaiteiros de Edicións do Cumio.
O seu traballo de investigación está centrado principalmente na evolución da morfoloxía e repertorio da gaita de fol e na súa contextualización social e histórica, así coma no estudo dos diversos instrumentos musicias tradicionais galegos e a nosa música tradicional.
Durante 11 anos realizou unha sección dedicada á música tradicional dentro do programa “Lume na Palleira” da Radio Galega. Así mesmo, presenta desde hai oito anos una sección dedicada á música tradicional e aos instrumentos musicales no programa Luar da RTVG.
Pablo Carpintero traballa actualmente como artesán especializado na factura de todo tipo de instrumentos musicais tradicionais galegos (gaitas de fol, tambores, bombos, pandeiretas, requintas etc.), e recibíu en 2016 o premio de artesanía “Antón Fraguas" na modalidad de “Artesanía tradicional”.